ASAMBLEA DA AFAC

Interesante asamblea da AFAC na que participaron a meirande parte dos clubes coruñeses 

Moi interesante estivo a última asamblea da AFAC, na que participaron a inmensa maioría dos equipos coruñeses de fútbol aficionado. Máis de dúas horas de debate e aportacións, nas que se puxo de manifesto a complexidade da coordinación e organización das ligas de todas as categorías, dos sinalamentos de partidos, e, sobre todo, dos adestramentos tendo en conta o déficit de instalacións que vive a cidade neste momento. 

Foi precisamente o referido aos campos de fútbol, a súa situación e as necesidades de arranxos dos existentes e de ampliación do número o que ocupou a meirande parte do tempo da reunión. A queixa é unánime no fútbol aficionado coruñés; a carencia de instalacións e a situación das mesmas. O elevadísimo número de licenzas, a incorporación, cada ano, de centos de nenos e nenas á práctica do fútbol na Coruña fai que o número de campos cós que conta a cidade teña quedado moi pequeno. Non abondan para a celebración dos partidos federativos e, moito menos, para os adestramentos. Actualmente a situación dalguns campos como o Torre 2 é mesmo perigoso para os rapaces e rapazas. 

Dende a AFAC e dende o conxunto do fútbol coruñés faise un chamamento ás institucións responsabeis para levar a cabo un investimento suficiente para que a cidade conte coas instalacions que den cobertura ás necesidades actuáis e do futuro. Primeiro hai que asumir o arranxo urxente dos campos para non empezar a vindeira tempada na mesma situación e despois levar adiante unha axeitada planificación das dotacións deportivas que se precisan.

A reunión tamén serviu para que o noso presidente, Antonio Dubra, fixera unha nova invitación aos clubes a participar no XIX Torneo Internacional Torre, a celebrar nos días 13, 14 e 15 de xuño, como conmemoración dos primeiros noventa anos da nosa #familiaTorre