Club Torre S.D.

 

Un grupo de apaixonados do fútbol do barrio da Torre, alá polo ano 1929, reuniuse nun local da rúa Santo Tomás e tomou a decisión de xerar un club de fútbol. Despois de varios debates de como deberían chamarlle ao novo club, chegouse á determinación de que debería levar o nome do barrio no que xurdiu a idea.

 

Así se xerou o Club Torre, sinal de identidade durante moitos anos da popular barriada da Torre, paso obrigado para visitar o monumento máis antigo do mundo, faro aínda en funcionamento e "Patrimonio da Humanidade": a Torre de Hércules.

 

O club vagou durante varios anos por diferentes locais sociais, todos situados nos bares da zona. Da rúa Santo Tomás á de San Pedro, e logo á rúa da Torre. Fusiónase co Centro Cultural Hércules e é a partires de aí cando basea os seu cerne na zona da rúa Hércules.

 

Comezou a súa xeira nas competicións deportivas na tempada 1942-43. O primeiro ascenso conquíreo na tempada seguinte, tras unha promoción disputada ao Liceo de Monelos. Na tempada 1945-46 proclámase campión, quedando netamente destacado sobre o seu máis directo perseguidor, con oito puntos de diferenza, o Club Silva.

 

Na tempada 1946-47 xoga na serie 'A' Rexional, na que formaban ademáis do Torre o Noia, Areal de Santiago, Bergantiños, Mariño de Mera e Hércules de San Pedro. O equipo 'Torreiro' chega ao cume da súa historia ao quedar Campión da Zona Norte de Afeccioados. Despois xoga a final a dobre partido co campión da Zona Sur, o Turista de Vigo, fronte ao que unha desleixada decisión arbitral privouno de ser o campión e ascender a Terceira División.

 

Na actualidade o presidente é Antonio Dubra, un home amante do deporte que un día tomou a decisión de tomar as rendas da entidade cando hai once anos estaba a piques de esvaecer para sempre. Hoxe ten a súa sede social na Cafetería Internacional, na Avenida de Rubine, aínda que o club xamais deixou de pertencer ao barrio da Torre, proba diso é que a actual directiva está a traballar para crear a nova sede social neste barrio no que xurdiu o club.

 

A nova etapa do Torre está marcada por metas ambiciosas e ilusionantes, que pasan por levar o club aos niveis de competición e organización máis elevados posible. Para iso o actual presidente conta co apoio dun amplo equipo de técnicos que puxeron en marcha xa unha escola deportiva na que teñen cabida os nenos e nenas a partir dos catro anos de idade. O traballo a prol dos nenos e nenas é algo que marca o esforzo de Antonio Dubra e os seus directivos, co gallo de fomentar o deporte e abrirlles novos camiños lonxe da rúa.