Os Clubes de fútbol base da cidade amosaron ao Concelleiro de Deportes a súa preocupación polo estado deficitario dos campos de fútbol existentes 

Cando está a piques de rematar esta Lexislatura, o Concelleiro de Deportes, Xose Manuel Sande, mantivo una reunión con representantes da AFAC así como con membros das Directivas de todos os clubes de fútbol base da cidade. O contido da reunión era facer un repaso á situación dos convenios económicos có fútbol afecionado coruñés e á situación das instalacións deportivas existentes e futuras. De novo foi este último o punto de maior preocupación para todos os asistentes, tanto entidades deportivas como responsabeis municipais. A escaseza de campos de fútbol nunha cidade na que hai máis de seis mil fichas de fútbol base, o estado dalguns deles (como o Torre 2) mesmo perigoso para xogar ou entrenar e as dificultades orzamentarias para levar a cabo as reformas, melloras e ampliacións que se comprometeran centraron boa parte do encontro.

Os clubes lembraron, de novo, que A Coruña é a cidade galega con máis fichas e máis deportistas de base, tamén no fútbol. E que esta importantísima dinámica esixe ampliar uns equipamentos que levan anos estancados e que non dan resposta nin ás necesidades actuáis nin ás que se prevén en breve, dado o incremento exponencial do fútbol femenino e nas categorías máis pequenas.  Xa que logo, faise urxente non só o arranxo dos campos existentes senon una axeitada planificación de instalacións para dar resposta á demanda.

Finalmente, os clubes e a AFAC agradeceron a Sande o talante que amosou durante estes anos nos que foi Concelleiro de Deportes, cargo que deixará o vindeiro mes de maio, xa que ven de anunciar que non se presentará á reelección.